Varios estudos demostran os efectos positivos que se producen ao comezar a tocar un instrumento musical: permítenos estimular a creatividade, desenvolver a atención e as habilidades cognitivas, e o que non é pouco, fainos perseverantes.
Só tes que coller unha trompeta, un saxofón ou calquera instrumento e comezar a experimentar para conectar co noso lado máis íntimo que moitas veces se perde no día a día.
Como di Stephen Nachmanovitch no seu libro Free Play, todo comeza no xogo, deixándoo fluír, utilizándoo como materia prima para que a través del poidamos abrir o portal da creatividade, da experimentación, ese momento de ledicia onde se atopa a nosa identidade, e polo tanto descubrirnos a nós mesmos.
Esa conexión que se dá co instrumento é única e pásanos moitas veces como alumnos que comezamos a practicar unha obra e cando levantamos a vista pasou o tempo e non nos decatamos. Un esquécese de todo o demais, estamos con tódolos sentidos atentos intentando integrar a información que procesamos ao tocar, motriz, sensible, visual e auditiva.
Realizamos movementos de precisión que esixen certo control da nosa motricidade fina, lemos partituras, aprendemos a percutir os parches ou a soprar os instrumentos de vento para conseguir un son limpo, e pouco a pouco comezamos a recoñecer as notas e os acordes.
E cando comezamos a sentirnos máis cómodos co instrumento, ábrese outra porta máis que interesante, podemos comezar a tocar e crear tamén cos nosos compañeiros, e aí é onde a arte e a música en particular comezan a actuar como unha poderosa ferramenta para a comunicación social. Permítenos comunicarnos doutro xeito, noutra lingua, atopar un lugar común para expresar ideas e emocións que non se expresan a través da linguaxe cotiá e dar continuidade á nosa cultura.
Todos temos potencial artístico-creativo, só temos que desenvolvelo.