A Banda de Música de Poio iniciou os seus ensaios en outubro de 2021, coincidindo coa apertura da Escola de Música de Poio. Desde o primeiro momento, a súa diversidade de idades converteuse nunha das súas grandes fortalezas, pois conta con compoñentes que abranguen dos 8 aos 85 anos, nun verdadeiro exemplo de integración xeracional e paixón compartida pola música.
Despois de varios concertos organizados pola escola, a Banda tivo o seu gran día de presentación oficial o domingo 23 de xuño de 2024, coincidindo coas Festas de San Xoán, onde a veciñanza puido gozar da calidade e ilusión desta formación.
Ademais, a Escola de Música impulsa a Pequebanda, un viveiro de futuros músicos no que os máis novos dan os seus primeiros pasos co obxectivo de nutrir á Banda de Música de Poio e garantir o relevo xeracional. Hoxe, esta grande familia musical segue a medrar e a contaxiar ao concello co seu entusiasmo, ofrecendo un espazo de aprendizaxe, convivencia e amor pola música.